Pequena historia do Grupo de Gaitas Froitos do Deza

Entrada en construcción

Froitos do Deza formouse en Lalín no 1991, da man dos irmáns Luís e Luísa Areán, Anxo (Basterra), Manolo Docampo, Desi e Paco; cinco mozos e unha moza con experiencia noutro tipo de formacións musicais como bandas de música, grupos “folk”, titiriteiros e animación de rúa e, sobre todo, afeccionados ás festas e música popular. Os obxectivos (aparte de pasalo ben) que levaron a formación de Froitos foron basicamente:

- Recuperar as gaitas nas festas da Comarca do Deza, na que só existía un grupo de gaitas estable fronte a riqueza de épocas pasadas.
- Axudar co noso traballo na recollida e dignificación do folclore tradicional, e particularmente realizar un seguimento da historia do grupo “Os Dezas” de Moneixas, recuperando e interpretando o seu repertorio.
- Formar e promover novos músicos a través de clases de gaita, percusión e outros instrumentos introducidos na música popular galega.

Con estes obxectivos, empezou un duro traballo colectivo que abrangueu dende o estudio da tipoloxía do que sería o noso traxe, o repertorio musical do grupo, o xeito de interpretalo, ata un traballo persoal de mellora no musical. Con moita ilusión, en pouco tempo a resposta doutros músicos e sobre todo de afeccionados ó baile en Lalín foi inmediata, formando unha escola de baile, gaita galega e percusión, que agromou coa formación do grupo de baile “Ailola” e do grupo de pandeireteiras “Terras do Deza”.

Froitos do Deza como grupo de gaiteiros presentouse ó publico despois de moitos ensaios na festa da parroquia de Casar de Sete en Rodeiro sendo a súa primeira formación Luís, Paco e Manolo Docampo as gaitas, Anxo ó bombo, Luísa á pandeireta e Desi ó tamboril, empezando a percorrer as festas da comarca do Deza con boa música e ganas de festa. Nestes primeiros anos de Froitos realizouse todo o traballo de recollida de temas polas aldeas do Deza, e especialmente a recollida de toda a información oral sobre a figura dos gaiteiros Os Dezas de Moneixas con entrevistas as persoas que tiveran en algun momento relación con eles.
de esquerda a dereita: Manolo Docampo, Lúis, Anxo, Paco e Desi. Sentada Luisa

Esta estructura de grupo de gaiteiros, grupo de baile e grupo de pandeireteiras mantívose durante dous años, nos que nos abandonou Paco por problemas de incompatibilidade cos seus estudios e sobre todo pola súa asma (Paco, sempre serás un de Froitos) e incorporáronse os irmáns Xesús (Je) e Alberte (K.G.) ás gaitas e Xosé Breijo (Topo) á pandeireta e voces.

Jesus e K.G. "Os Carrasqueses" nas festas de Bermés. As ovellas do fondo miran embelesadas
O noso repertorio era a base de pezas tradicionais de grupos como “Os Campaneiros”, “Os Cruceiros” e, principalmente “Os Dezas”, coidando a afinación e o xeito de tocar tradicional, e interpretando unha ampla gama de ritmos, como polcas, mazurcas, muiñeiras, xotas, valses, marchas procesionais e danzas.Tíñamos un son moi potente e o grupo soaba compacto.
de esquerda a dereita:Anxo, Desi, Topo, Luísa, Docampo, Luís, K.G. e Xesús

Cumprido un dos obxectivos iniciais de crear unha escola de gaitas e baile tradicional en Lalín, suxeríusenos a separación do grupo de gaitas do de baile... os motivos foron moitos e variados decidíndose que as clases de instrumentos e de baile a quedarían a cargo do colectivo “Ailola”, e os integrantes de Froitos do Deza seguiriamos na recollida e interpretación do folclore tradicional, e como non.. ¡de festa..! ¡e sen bailaríns...!
Luisa, je e Luis na Algarabía

Empezou aquí un dos mellores momentos de Froitos... decidimos darlle un novo impulso ó grupo, decidimos facer un novo cartel, e para mais escollemos o cruceiro de Moneixas, na patria de "Os Dezas"..
de esquerda a dereita e de arriba abaixo: Topo, Luís Areán, Luísa Areán, Manolo Docampo, Anxo García, Desiderio Martinez, Xesús Granja (Je) e Alberto Granja (K.G.)

No musical empezamos a cantar as foliadas recollidas dos Dezas, e o noso repertorio variou bastante por mor de non ter que tocar para un grupo de baile.. incluímos rumbas, fox trots.. fixémonos mais festeiros..

Nesta fase de Froitos non paramos.. fixémonos fixos de festas e romarías do Deza, aparecimos (como non) en Luar, e tocamos dende Carnota á Veiga, fixemos procesións, sesións vermú, intermedio de orquestras, alboradas, ofrendas a santos varios e variopintos; pateamos camiños e congostras, leváronos en palco-tractor polos lugares, comemos nas casas dos ramistas, tocamos no alzar da misa, fomos xuíces en festas gastronómicas e en catas de augardente, emborracháron-nos nalgunha alborada (noutras xa o fixemos nos) coincidimos con Manolo Fraga en varias inaguracións, escapamos de varios cans, botáronsenos dúas vacas, abroncaron-nos por tocar porque na casa estaban un ano de loito, botamos as bombas porque o ramista non sabia, bailamos con vellos/as, coñecimos a moitos outros grupos de gaiteiros, un emigrante deunos un dólar a cada un por sacarse unha foto con nos, aguantamos innumerables veces ó "tonto do bombo" e algún colleunos a gaita dicindo "a ver si me la se".. nunha palabra: curtímonos..
KG e Desi a punto de empezar a curtirse na taberna de Catasós. (notese o aplomo e orgullo gaiteiro de Desi)

Nestes tres anos tivemos algúns cambios na formación dos Froitos: foisenos Manolo Docampo xa que casou e emigrou as afastadas terras de Trives por mor dunha praza de garda forestal (Docampo, sempre serás de Froitos), marchou Topo que se pasou a os de baile co cal perdemos sabiduria pero ganamos en tranquilidade, e empezou a tocar con nos Luísa Sarmiento, incrible gaiteira de Coruña, finalista en Lorient, e encantadora moza da cal todos os gaiteiros aprendemos.Os seguintes tres anos mantivemos unha formación estable e foron os mellores momentos de Froitos do Deza, tanto no musical, interpretando con rigor e calidade as pezas da tradición Galega, como no persoal. A nosa formación era: Luís a gaita e a requinta, Xesús a gaita e o violín, K.G. e Luísa Sarmiento as gaitas, Anxo cambiou do bombo ó acordeón, Desi seguía co seu tamboril e botando siestas baixo os carballos a mínima ocasión, e Luísa Arean cantaba, bailaba, tocaba pandeireta, bombo e o que fixera falta.... a barra do bar da comisión de festas convertéuse no habitat natural do grupo, e segundo as ocasións tiñamos reforzos doutros amigos como Manolo Santos e Jorge (Os "Cotarelos Wings") cos seus clarinetes... que tamén acababan na barra do bar; fixémos cousas preciosas como recuperar música de procesións que so os vellos recordaban, viaxamos a Portugal, Pais Vasco, tocamos en festivais, no San Froilán, convertémonos no referente da música tradicional na Comarca do Deza, e ¡pasábamolo ben tocando..!
No cruceiro de Bermés antes da procesión.
Anxo co seu acordeón novo. Luisa contemplao extasiada
Na festa do rio de Vilatuxe.. ¿non vos cheira a carne ó caldeiro?

Nestes últimos anos a incorporación de novos instrumentos á formación de Froitos, unido o feito de que xa levábamos moitos anos tocando, e que o mundo da música tradicional na Galiza estaba sufrindo unha eclosión de novos grupos, sons, e tendrencias, fixo que o noso repertorio sufrira un desdobramento converténdonos en dous grupos distintos segundo levaramos o traxe tradicional ou non. Se levabamos o traxe tocabamos pezas do repertorio tradicional galego sendo o mais coidadosos posibles co xeito de tocar, e seguiamos sendo fieis a Os Dezas, pero no momento que nos sacabamos o traxe cada vez mais nos achegabamos a festa de taberna.. sambas, rumbas, tangos, cancións pops dos 60 e 70, reinterpretacións do Himno de Riego e cancións da resistencia antifascista italiana, versións de Bonnie Tyler, ou de Mari Trini, pasodobres "toreros", la ovejita lucera, en la fiesta de blas, e todo o “hit-parade” galego.. facía que pasaramos de ser un grupo de musica tradicional e festeiro a un grupo de festeiros nunha taberna... Jesús, firme defensor da tradición xa non sabía onde meterse e roñaba e fumegaba..

imaxenes historicas: baile do pañuelo na taberna de Rio de Rodeiro... antropologos, cedemosvos os dereitos destas fotos...
os homes bailan en circulos agarrados pola man esquerda mentres ca dereita poñenlle un pano no cú

A finais do 97 tivemos novos cambios na formación: por un lado entrou a tocar con nos Antonio Taboada, un rapaz que prometía moito, alumno de gaita de Luís dende facía anos que co percorrer dos anos convertiriase no afamado Tony Diamond.

O Incrible Tony Diamond na festa do rio de Zobra

Incorporouse tamen a familia de Froitos do Deza o gran Pablo Doval, músico da Banda de Lalín que introduciu a tuba en Froitos dotando ó grupo dunha nova sonoridade que no seu momento foi pioneira na Galiza.

Pablo en Zobra
Tamén tivemos abandonos: Xesús entrou nunha crise gaiteiril por mor do repertorio que estábamos a tocar e decidiu abandonar a gaita por un tempo, adicandose ó violín e o bouzuki (Xesús, sempre seras un de Froitos), e Luísa Sarmiento que entre outras razóns decidiu que debía dedicarse con mais forza a carreira de enxeñería..

O anos 98 e 99 foron anos en Froitos marcados por moitos cambios, por unha banda o feito de que moitos de nos sufríramos un cambio profundo na nosa situación laboral e xa non tíñamos moito tempo libre, sumado a que xa levabamos moitos anos tocando polas festas fixo que deixaramos de aceptar moitos contratos e actuacións.. e o mais importante.. botaba a andar o Conservatorio de Musica Folque de Lalín, unha das aspiracións de Luís Areán en particular e do grupo en xeral estaba a nacer. Luís converteuse no profesor de Requinta do Conservatorio, Anxo mercou unha Zanfona e puxose a ela, Luisa e Desi apuntaronse as clases de percusión, Toñito as de gaita e K.G. a gaita, acordeón diatónico e requinta... Pablo miraba todo esto asustado..

Nesta efervescencia creativa e musical, Luís decidíu que era o momento de facer un novo proxecto: sobre a base dun novo repertorio e cun esquema de grupo distinto, pasar de ser un grupo de gaiteiros a “grupo folck” que pretendía unha mescolanza de tradición e experimento.
Sobre a base de acordeón, violín, requinta, traveseira, zanfona e gaitas, o carácter da tuba, unha percusión axeitada e tres voces, xogara coas armonias vocais inspirandonos nese sabor das festas nas "salas" de concertos das vilas nos anos 50... os dous argumentos que usaba Luís era que tiñamos o nivel necesario e que levabamos moitos anos facendo o mesmo, asi que o mellor era innovar... con algúns mais convencidos que outros, puxémonos a traballar e uníusenos Azucena Castro, alumna do Conservatorio de Música de Lalín, que xa colaborara con nós en algún traballo ó violín, quedando a nova formación de Froitos do Deza como sigue: Luis ás gaitas, requinta, traveseira e platillos, Antonio e K.G. as gaitas, Desi á percusión e voces, Azu ó violin e voces, Luisa a percusión e voces, Pablo á tuba, e Anxo ó acordeón, zanfona e voces.
Con esta formación fixemos dous concertos: o primeiro na "Noite Meiga de Fabero" no Bierzo, e o segundo e derradeiro en Millerada, nunha horrible actuación na que os problemas do equipo de són, acoples e pésimo material, converteron unha actuación preparada con moita ilusión en algo para esquencer e que xerou moitas tensións e discusións en Froitos do Deza sobre o camiño a seguir.


Así que despois desta curta e negativa experiencia como “grupo folck”, decidimos voltar as orixes, aparcando este proxecto polo momento e quedarnos coa dubida de si houbera saido adiante.. fixemos unha nova pegatina, rendendo un xusto homenaxe a cerveza Estrella de Galicia, compañeira dende os orixenes de todos nos e preparamosnos para un ano 2000 con ganas de festa. Tiñamos oficio, tocábamos ben, o grupo soaba compacto e potente, éramos amigos e pasábamolo ben xuntos...
Nesto que chegou a tristura: despois de pasar un dia de festa tocando na Festa da Carne ó Caldeiro da Gouxa en Dozón, Luís Areán, a alma do grupo e o amigo entre os amigos, morria nun accidente de trafico voltando a Lalín.

continúara proximamente..............


1 comentario:

Anónimo dijo...

Hola amigos. me llegué a este vuestro blog por casualidad buscando información sobre grupos de gaitas de la Galicia de antaño, concretamente sobre los Dezas ya que mi familia es oriunda de la xesta y mi padre fue un gran amigo de Jose Benito. Tengo que felicitarles por esta historia tan tierna y con tanto sentimiento que acá contás. Espero que pronto finaliceis este post y pueda leer el final de la historia. Muchos saludos desde Neuquen en la Argentina.
Luis Alfredo Castro Montorfáno