Sobre a Escola da Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra en Lalín

Como xa sabedes, en Lalín temos dúas Bandas de Gaitas que seguen o "standar marciano": a Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas, e a sucursal lalinense da Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra.
Da Banda de Gaitas os Dezas de Moneixas non temos nada que dicir, xa que eles mesmos pagan seus mestres e seus gastos, e poden se o desexan, seguir o modelo alleo de banda marcial escocesa e participar en cantas ligas de gaitas lles pete, aquí, no Ourense profundo, en Escocia ou en Nova Zelanda. Si a eles non lle preocupan o que dirian "Os Dezas" da súa formación, ala eles. Pero a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra mama da ubre dos cartos públicos, e de ela sí podemos e debemos opinar.
imaxe sacada da web da Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra ¿Galiza?.... unha imaxe vale por mil palabras

Este novo post ven a conto porque o noso Alcalde Crespo, a volta das vacacións, de seguro terá que facer algo con respecto a fuxida do Conservatorio de Música Folque de Lalín a Santiago (xa deu orden ó Patronato de que buscarán unha solución ou recambio), e como cartiños non hai (vai todo todo e todo para o "edificio singular" do novo concello) probablemente botará man do que a xa esta en Lalín, inflándoo para que pareza un novo logro, porque Lalín é fashión. E aquí entra o perigo de que os marcianos da Escola da Banda de Gaitas que funciona no auditorio de Lalín se enquisten permanentemente na sociedade do Deza.
Algún de vos seguro que pensades se non seremos algo alarmistas.. ogallá!. A nosa experiencia e o coñecemento do que significa a cultura patrimonial para o concello de Lalín e para o patronato de cultura fainos poñer os pelos de punta. ¿En que nos baseamos? pois simplemente no pasado. Dende sempre a Crespo lle rondou pola cabeza o facer unha Banda de Gaitas de Lalín, para que representara a Lalín no mundo mundial... e lembraredes tamén que no ano 2005 fixéronse públicos os plans da Deputación Provincial de formar unha Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra que xerou unha grande mobilización e repulsa en tódalas asociación e persoeiros ligados a música patrimonial na Galiza, e que concretamente no Deza (unha das escolas como era gratis e ó concello non lle custaba nada, viña para Lalín) os colectivos de Gaiteiros, Asociacións Culturais (O Naranxo, Manuel Ferreiro e Berra), o Conservatorio Folque e o Conservatorio de Grado Medio, apoiados polas asociacións da Comarca de Tabeirós posicionaronse inutilmente en contra desta aberración cultural, que ó final aterrizou en Lalín xa que "era gratis". No medio desta polémica publicáronse dúas cartas ó director no Faro de Vigo, a primeira de Alberto Granja (K.G.) e ó día seguinte unha resposta por parte do Concelleiro de Cultura Román Rodríguez (lembrámosvos que é licenciado en xeografía e historia). Reproducimos a continuación as dúas cartas para que saquedes as vosas propias conclusións e valoredes se somos ou non alarmistas..

GAITEIROS ESCOCESES EN LALIN
Alberto Granja. Secretario da Asociación Cultural "O Naranxo", membro da Asociación de Gaiteiros Galegos e gaiteiro de Froitos do Deza. Mércores, 18 de Maio de 2005.
Férveme o sangue ó saber que a Deputación inviste quince millóns de pesetas na creación dunha rede de “escolas de bandas de gaitas”, de inspiración escocesa, e que unha delas ven para o Deza. ¿Pero a estas alturas aínda hai parvos/as que non se dan conta do terrorismo cultural que é para a nosa música patrimonial e a nosa identidade como Galegos as bandas “escocesas”?, pois parece que non. Xa na presentación do disco sobre “os Dezas de Moneixas” o concelleiro de cultura falou da posibilidade de montar unha banda de gaitas municipal; os gaiteiros alí presentes reaccionamos tentando explicarlle o absurdo cultural de tal proposta ó que el respostou “eu e que de iso non entendo”... vexo que os “cerebros” do concello continúan sen entender nin informarse, xa que, aceptan a cesión do Auditorio para as clases porque “a nós non nos custa nada” seguindo a consigna de “todo aquilo que poda vir para Lalín... ¡¡que veña!!” (cerebros do “patronato” e concello:: a SIDA tamén e gratis e non por iso a xente inféctase).
Como falamos de moitos cartos, dados sen concurso público, fora da orde do día do pleno, previa declaración de urxencia e a unha asociación non inscrita no rexistro (no máis puro estilo PP), teremos que aventurar para que van valer estes cartos en realidade: non van ser para favorecer o ensino da música en Lalín, porque de ser así o lóxico e que estes cartos foran (por exemplo) para a escola da banda, o conservatorio de grao medio, ou para o conservatorio folque; nin para facilitar ós nenos o achegarse a música xa que de ser así poderían subvencionar a Escola de Folque Infantil (única en Galicia) ou o traballo de asociacións de parroquias que tentan facer actividades no eido da música popular... ¿entón? ¡¡Sinxelo!! Estes do PP gustan de cousas “vistosas” para que saian na foto en actos, “hermanamientos”, e merendas varias e, como o GALEGO parécelles que “non viste” escollen o “escocés” que queda mellor na foto, sen importarlles un carallo a identidade Galega (será que teñen vergoña de ser “gallegos”) e o respecto ó patrimonio cultural. Pois iso: cerebros do concello e “patronato cultural” facédelle un favor ó orgullo de ser Galegos e ao voso País e mandade os escoceses para Escocia.
Para rematar unhas cousas máis.

Nenos matriculados: tedes que saber que para os gaiteiros galegos sodes uns pobres tontos enganados e parte dun plan que denigra e destrúe a nosa música patrimonial.
Señores do Patronato, Alcalde e Concelleiro de Cultura: metéronvos un gol... permitides iniciativas que fan competencia desleal ós conservatorios e escolas que vos pagades; e por favor, lede algo e informádevos, a ver si así aprendedes un pouco e vos dades conta da aberración cultural que estades favorecendo coa vosa ignorancia.
E para os pais dos nenos que están pensando en matriculalos porque “é gratis” que saibades que nesta vida nada é gratis: metedes ós vosos fillos en algo alleo culturalmente, e os nenos van pagar o custo da matricula desfilando para políticos (e isto non da dereito a un posto de traballo na Deputación).
Claro que como dixo Louzán neste tema “os que critican é que están manipulados polo bloque”... ¡así vai o País!.

CERTIFICANDO O BÓ E O MALORomán Rodríguez González Edil de Cultura de Lalín e membro do Patronato Cultural. Xoves 19 Maio 2005.


Ata non hai moito tempo -coitado de min por pensar que iso xa rematara-, algúns pasaban o tempo emitindo certificados do que estaba ben ou mal. Uns dicíano da moralidade e dos nosos actos cotiáns; outros, sobre o ser ou non ser galegos; e outros máis, sobre o que lle viña ó conto. Pero vese que iso continúa e agora estamos diante dun novo certificado: o das gaitas. E usándoas como bandeira pásase a certificar a cultura ou a ignorancia, o patrimonio ou a aberración, os/as que son parvos/as ou non e algúns certificados máis da Tribuna Libre titulada "Gaiteiros escoceses en Lalín". Certamente, alégrame que de vez en cando aqueles lobos con pel de ovella saquen a súa careta e deixen ver o seu auténtico "talante". As palabras asinadas polo gaiteiro de Froitos do Deza e secretario do Naranxo, (sen dúbida, neste caso, "gran e auténtico cerebro") trasmiten unha intolerancia e un desprezo cara o diferente preocupante e sen ningún tipo de pudor. Onde queda a interculturalidade? Onde aquelo das músicas do mundo? Onde o respecto ó que non é igual? Onde aquel espírito celta que queda destrozado co "escoceses para Escocia" e que moito recorda ó xa célebre "yankees go home". Onde, en definitiva, o aceptar o que non nos gusta ou non compartimos? O insulto sen máis non soe ser un bo argumento para aqueles que queren defender as súas inquedanzas; eu sí as podo entender respectables, aínda que non as comparta. E aínda que pedir o mesmo sexa case unha utopía da convivencia, non quero deixar de lembrar que "eses pobres ignorantes do Concello e do Patronato Cultural" (outra certificación), son os mesmos que impulsamos e xestionamos todas aquelas entidades que, segundo o propio asinante certifica, si son dignas para ter apoio da Administración pública. Non se preocupe, xa que se vostedes son os auténticos defensores do auténtico, do patrimonio, da música tradicional e das esencias últimas da cultura, non teñen nada que temer. Todo o de fóra, como é malo, non será viable e caerá polo seu propio peso. E así so os "parvos", que certifica de novo, lle farán caso a estes "escoceses", co que poderán vostedes seguir manténdose, con ledicia, nese caixón de cristal sen comunicación que defenden. Eu non entendo, e non me avergoño, o absurdo. E por iso non entendo ese "enorme risco cultural que supón a guerra de gaitas". Neste país cabemos todos e da cooperación, o respecto, a asimilación ou o intercambio teñen xurdido grandes feitos que hoxe son orgullo de todos. Ou é que a muralla de Lugo, ¡¡feita polos invasores romanos!!, debémola enviar, certificada, para Roma? As fronteiras mentáis e culturáis son xa do pasado.


Cada quen que saque as suas conclusións... que Deus nos pille confesados.

Pd. e i non tes idea do que estamos a falar, informate!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

pois si, tedes razón en estar acojonados.. animo e caña contra os marcianos!

Anónimo dijo...

jajaja que crack ese concejal de cultura que teneis! Alberto: si dijeras las cosas con mas moderación seguramente la gente te entenderia mejor, pero toda la razon la tienes, y si no la tenias, con su contestación el concejal de "cultura" te la da!. Un saludo desde Granollers de un tocador de Xeremia