Gaiteiros do pasado

Podedes ver unha montaxe que circula por youtube feita sobre a base de vellas fotografias de Gaiteiros de Galiza. Poñemola aqui porque a banda sonora é dunha versión de "Pallamallada" sobre o tema de "Os Dezas" O quer que lle quer

Sobre a Escola da Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra en Lalín

Como xa sabedes, en Lalín temos dúas Bandas de Gaitas que seguen o "standar marciano": a Banda de Gaitas Os Dezas de Moneixas, e a sucursal lalinense da Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra.
Da Banda de Gaitas os Dezas de Moneixas non temos nada que dicir, xa que eles mesmos pagan seus mestres e seus gastos, e poden se o desexan, seguir o modelo alleo de banda marcial escocesa e participar en cantas ligas de gaitas lles pete, aquí, no Ourense profundo, en Escocia ou en Nova Zelanda. Si a eles non lle preocupan o que dirian "Os Dezas" da súa formación, ala eles. Pero a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra mama da ubre dos cartos públicos, e de ela sí podemos e debemos opinar.
imaxe sacada da web da Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra ¿Galiza?.... unha imaxe vale por mil palabras

Este novo post ven a conto porque o noso Alcalde Crespo, a volta das vacacións, de seguro terá que facer algo con respecto a fuxida do Conservatorio de Música Folque de Lalín a Santiago (xa deu orden ó Patronato de que buscarán unha solución ou recambio), e como cartiños non hai (vai todo todo e todo para o "edificio singular" do novo concello) probablemente botará man do que a xa esta en Lalín, inflándoo para que pareza un novo logro, porque Lalín é fashión. E aquí entra o perigo de que os marcianos da Escola da Banda de Gaitas que funciona no auditorio de Lalín se enquisten permanentemente na sociedade do Deza.
Algún de vos seguro que pensades se non seremos algo alarmistas.. ogallá!. A nosa experiencia e o coñecemento do que significa a cultura patrimonial para o concello de Lalín e para o patronato de cultura fainos poñer os pelos de punta. ¿En que nos baseamos? pois simplemente no pasado. Dende sempre a Crespo lle rondou pola cabeza o facer unha Banda de Gaitas de Lalín, para que representara a Lalín no mundo mundial... e lembraredes tamén que no ano 2005 fixéronse públicos os plans da Deputación Provincial de formar unha Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra que xerou unha grande mobilización e repulsa en tódalas asociación e persoeiros ligados a música patrimonial na Galiza, e que concretamente no Deza (unha das escolas como era gratis e ó concello non lle custaba nada, viña para Lalín) os colectivos de Gaiteiros, Asociacións Culturais (O Naranxo, Manuel Ferreiro e Berra), o Conservatorio Folque e o Conservatorio de Grado Medio, apoiados polas asociacións da Comarca de Tabeirós posicionaronse inutilmente en contra desta aberración cultural, que ó final aterrizou en Lalín xa que "era gratis". No medio desta polémica publicáronse dúas cartas ó director no Faro de Vigo, a primeira de Alberto Granja (K.G.) e ó día seguinte unha resposta por parte do Concelleiro de Cultura Román Rodríguez (lembrámosvos que é licenciado en xeografía e historia). Reproducimos a continuación as dúas cartas para que saquedes as vosas propias conclusións e valoredes se somos ou non alarmistas..

GAITEIROS ESCOCESES EN LALIN
Alberto Granja. Secretario da Asociación Cultural "O Naranxo", membro da Asociación de Gaiteiros Galegos e gaiteiro de Froitos do Deza. Mércores, 18 de Maio de 2005.
Férveme o sangue ó saber que a Deputación inviste quince millóns de pesetas na creación dunha rede de “escolas de bandas de gaitas”, de inspiración escocesa, e que unha delas ven para o Deza. ¿Pero a estas alturas aínda hai parvos/as que non se dan conta do terrorismo cultural que é para a nosa música patrimonial e a nosa identidade como Galegos as bandas “escocesas”?, pois parece que non. Xa na presentación do disco sobre “os Dezas de Moneixas” o concelleiro de cultura falou da posibilidade de montar unha banda de gaitas municipal; os gaiteiros alí presentes reaccionamos tentando explicarlle o absurdo cultural de tal proposta ó que el respostou “eu e que de iso non entendo”... vexo que os “cerebros” do concello continúan sen entender nin informarse, xa que, aceptan a cesión do Auditorio para as clases porque “a nós non nos custa nada” seguindo a consigna de “todo aquilo que poda vir para Lalín... ¡¡que veña!!” (cerebros do “patronato” e concello:: a SIDA tamén e gratis e non por iso a xente inféctase).
Como falamos de moitos cartos, dados sen concurso público, fora da orde do día do pleno, previa declaración de urxencia e a unha asociación non inscrita no rexistro (no máis puro estilo PP), teremos que aventurar para que van valer estes cartos en realidade: non van ser para favorecer o ensino da música en Lalín, porque de ser así o lóxico e que estes cartos foran (por exemplo) para a escola da banda, o conservatorio de grao medio, ou para o conservatorio folque; nin para facilitar ós nenos o achegarse a música xa que de ser así poderían subvencionar a Escola de Folque Infantil (única en Galicia) ou o traballo de asociacións de parroquias que tentan facer actividades no eido da música popular... ¿entón? ¡¡Sinxelo!! Estes do PP gustan de cousas “vistosas” para que saian na foto en actos, “hermanamientos”, e merendas varias e, como o GALEGO parécelles que “non viste” escollen o “escocés” que queda mellor na foto, sen importarlles un carallo a identidade Galega (será que teñen vergoña de ser “gallegos”) e o respecto ó patrimonio cultural. Pois iso: cerebros do concello e “patronato cultural” facédelle un favor ó orgullo de ser Galegos e ao voso País e mandade os escoceses para Escocia.
Para rematar unhas cousas máis.

Nenos matriculados: tedes que saber que para os gaiteiros galegos sodes uns pobres tontos enganados e parte dun plan que denigra e destrúe a nosa música patrimonial.
Señores do Patronato, Alcalde e Concelleiro de Cultura: metéronvos un gol... permitides iniciativas que fan competencia desleal ós conservatorios e escolas que vos pagades; e por favor, lede algo e informádevos, a ver si así aprendedes un pouco e vos dades conta da aberración cultural que estades favorecendo coa vosa ignorancia.
E para os pais dos nenos que están pensando en matriculalos porque “é gratis” que saibades que nesta vida nada é gratis: metedes ós vosos fillos en algo alleo culturalmente, e os nenos van pagar o custo da matricula desfilando para políticos (e isto non da dereito a un posto de traballo na Deputación).
Claro que como dixo Louzán neste tema “os que critican é que están manipulados polo bloque”... ¡así vai o País!.

CERTIFICANDO O BÓ E O MALORomán Rodríguez González Edil de Cultura de Lalín e membro do Patronato Cultural. Xoves 19 Maio 2005.


Ata non hai moito tempo -coitado de min por pensar que iso xa rematara-, algúns pasaban o tempo emitindo certificados do que estaba ben ou mal. Uns dicíano da moralidade e dos nosos actos cotiáns; outros, sobre o ser ou non ser galegos; e outros máis, sobre o que lle viña ó conto. Pero vese que iso continúa e agora estamos diante dun novo certificado: o das gaitas. E usándoas como bandeira pásase a certificar a cultura ou a ignorancia, o patrimonio ou a aberración, os/as que son parvos/as ou non e algúns certificados máis da Tribuna Libre titulada "Gaiteiros escoceses en Lalín". Certamente, alégrame que de vez en cando aqueles lobos con pel de ovella saquen a súa careta e deixen ver o seu auténtico "talante". As palabras asinadas polo gaiteiro de Froitos do Deza e secretario do Naranxo, (sen dúbida, neste caso, "gran e auténtico cerebro") trasmiten unha intolerancia e un desprezo cara o diferente preocupante e sen ningún tipo de pudor. Onde queda a interculturalidade? Onde aquelo das músicas do mundo? Onde o respecto ó que non é igual? Onde aquel espírito celta que queda destrozado co "escoceses para Escocia" e que moito recorda ó xa célebre "yankees go home". Onde, en definitiva, o aceptar o que non nos gusta ou non compartimos? O insulto sen máis non soe ser un bo argumento para aqueles que queren defender as súas inquedanzas; eu sí as podo entender respectables, aínda que non as comparta. E aínda que pedir o mesmo sexa case unha utopía da convivencia, non quero deixar de lembrar que "eses pobres ignorantes do Concello e do Patronato Cultural" (outra certificación), son os mesmos que impulsamos e xestionamos todas aquelas entidades que, segundo o propio asinante certifica, si son dignas para ter apoio da Administración pública. Non se preocupe, xa que se vostedes son os auténticos defensores do auténtico, do patrimonio, da música tradicional e das esencias últimas da cultura, non teñen nada que temer. Todo o de fóra, como é malo, non será viable e caerá polo seu propio peso. E así so os "parvos", que certifica de novo, lle farán caso a estes "escoceses", co que poderán vostedes seguir manténdose, con ledicia, nese caixón de cristal sen comunicación que defenden. Eu non entendo, e non me avergoño, o absurdo. E por iso non entendo ese "enorme risco cultural que supón a guerra de gaitas". Neste país cabemos todos e da cooperación, o respecto, a asimilación ou o intercambio teñen xurdido grandes feitos que hoxe son orgullo de todos. Ou é que a muralla de Lugo, ¡¡feita polos invasores romanos!!, debémola enviar, certificada, para Roma? As fronteiras mentáis e culturáis son xa do pasado.


Cada quen que saque as suas conclusións... que Deus nos pille confesados.

Pd. e i non tes idea do que estamos a falar, informate!

O "Clamor" gaiteiro

Existe unha tradición no Deza chamada "O Clamor" que é unha rogativa que se fai entre as parroquias de Bermes e Vilariño na que o santo dunha das parroquias vai visitar en procesión ó outro según a rogativa sexa para que chova ou deixe de chover... No percorrido entre Bermés e Vilariño, os santos das outras parroquias saen en procesión o camiño a saudar os santos cando pasan...

Sobre esta idea, Chus Caramés (da A.C. Santa Ferreña) e K.G. (Froitos do Deza) falaron de facer un Clamor Gaiteiro consistente nunha festa de irmandade entre os Gaiteiros do Deza, Balouta e Trasdeza que (como non podería ser doutro xeito) será unha papatoria na que os nosos Santos terán o protagonismo... ¿que santos? pois sigue leendo!

Santa Ferreña
Os Gaiteir@s de Trasdeza teñen unha Santa Patrona que non é outra que Santa Ferreña, venerada no Mosteiro de Carboeiro na data dos Encontros de Música... unha Santa de verán milagreira e moi querida da que se contan innumerabeis miragres como curar resacas de licor cafe.

Santa Ferreña

Santa Ferreña subindo pola costa do Mosteiro de Carboeiro acompañada polos seus devot@s


entrada de Santa Ferreña no Mosteiro. Notese os cartiños ofrecidos polos devot@s en pago ós moitos milagres que obra.


Santo Torrisco
Santo Torrisco de Siracusa naceu en Catasós e viviu no século II na cidade de Siracusa. No ano 192 D.C., durante unha terrible ola de fame que ameazaba con deixar a cidade sen poboadores, Torrisco descubriu nunha alacena un anaco de touciño, do que, cortando finiño, sacou torresmos para tódolos habitantes, o que a historia chama “a milagre dos Torresmos”. Martirizado e queimado en Lalín polo Cónsul Panem Accuae, foi elevado ós altares co nome de Santo Torrisco de Siracusa polo Papa Angelicus Basterrae no ano 1989.
Oración

Dáme un torresmo
Santo Torrisco Bendito,
non mo des cru,
mellor dámo frito.

¡Hai Santo Torrisquiño!
¡Hai Santo Torriscazo!
¡Hai que favorciño!
Fixécheslle ó meu bazo.

Santo Torrisco bendito
dáme un torresmiño
dámo moi, moi grande
mellor que pequeniño

Santoral:
Sábado de Entroido

Indulxencias: Liberación do pecado do fornicio se é recitada con fe antes do acto


Os gaiteiros e músicos do Deza aclamámolo como santo patrón no Antroido de 1992 e dende aquelas acompañan o Santo no seu peregrinar polas tabernas o Sábado de Antroido que é cando descende do seu nicho onde é venerado todo o ano no Bar Barriga verde, sendo o Descendemento de Santo torrisco o inicio dos actos do Antroido...
nicho onde é venerado todo o ano no Bar Barriga verde

A Procesión de Santo Torrisco iniciase na Taberna da Praza onde se xuntan todos os devotos que o acompañan polas tabernas de Lalín.

A procesión do Santo inclúe a lectura das "Coplas dos Cegos" na que con mofa e escarnio pásase revista a todo o acontecido nese ano...

e despois de unha noite de devoción volve a ascender o seu nicho onde queda ata o seguinte ano...


En conclusión, temos dous santos milagreiros, e temos que buscar unha escusa para facer unha festa, asi que por seguir a idea do Clamor, temos pensado facer a festa na Ponte Taboada, fronteira natural entre o Deza e Trasdeza ó que chegariamos cada santo pola sua beira, acompañado dos seus devot@s e atoparianse na ponte....

E so nos queda sentarnos a facer festa e pasar un bó día de irmandade entre todol@s Gaiteiros...
¿que tal? a idea é boa e só queda poñela en práctica... a ver si para o ano que ven!

e por se queredes saber mais do Clamor, podedes consultar a seguínte obra: O clamor de Bermés e Vilariño Autores: José Angel López Gutiérrez Localización: Descubrindo: Anuario de estudios e investigación de Deza, ISSN 1139-7527, Nº. 3, 2001 , pags. 381-406

Encontros de música tradicional de Carboeiro

Din que os galegos, cando o noso veciño fai algo ben, nos por envexa, poñémolo a parir.. se aplicamos este dito, neste post teriamos que estar botando pestes dos Encontros de Música de Carboeiro un rato longo; pola envexa (que a temos) e pola organización (que é brillante).
Galiza esta inzada de festas e festivais, uns son xa macrofestas e outras tentan arrancar, pero ningúnha ten o encanto que teñen os Encontros de Carboeiro.
Unha das moitas cousas polas que temos que felicitar a organización é pola xusta dimensión da festa. As veces a xente confunde asistencia de público con éxito e tentan conquerir que seu festival sexa o mais visitado e mais anunciado. A Asociación Intercultural Santa Ferreña non..

Poderiamos falar moito mais e moi ben dos Encontros, que si o ben que se esta, que si te sintes como en familia, de o ben que o pasas... etc, pero como nós somos de Lalín e eles de Silleda i é tradicional que nos levemos mal, calaremos..

Carboeiro e Encontros de musica tradicional 2008



IX Encontros de Música Tradicional. Carboeiro 2008

Pequena historia do Grupo de Gaitas Froitos do Deza

Entrada en construcción

Froitos do Deza formouse en Lalín no 1991, da man dos irmáns Luís e Luísa Areán, Anxo (Basterra), Manolo Docampo, Desi e Paco; cinco mozos e unha moza con experiencia noutro tipo de formacións musicais como bandas de música, grupos “folk”, titiriteiros e animación de rúa e, sobre todo, afeccionados ás festas e música popular. Os obxectivos (aparte de pasalo ben) que levaron a formación de Froitos foron basicamente:

- Recuperar as gaitas nas festas da Comarca do Deza, na que só existía un grupo de gaitas estable fronte a riqueza de épocas pasadas.
- Axudar co noso traballo na recollida e dignificación do folclore tradicional, e particularmente realizar un seguimento da historia do grupo “Os Dezas” de Moneixas, recuperando e interpretando o seu repertorio.
- Formar e promover novos músicos a través de clases de gaita, percusión e outros instrumentos introducidos na música popular galega.

Con estes obxectivos, empezou un duro traballo colectivo que abrangueu dende o estudio da tipoloxía do que sería o noso traxe, o repertorio musical do grupo, o xeito de interpretalo, ata un traballo persoal de mellora no musical. Con moita ilusión, en pouco tempo a resposta doutros músicos e sobre todo de afeccionados ó baile en Lalín foi inmediata, formando unha escola de baile, gaita galega e percusión, que agromou coa formación do grupo de baile “Ailola” e do grupo de pandeireteiras “Terras do Deza”.

Froitos do Deza como grupo de gaiteiros presentouse ó publico despois de moitos ensaios na festa da parroquia de Casar de Sete en Rodeiro sendo a súa primeira formación Luís, Paco e Manolo Docampo as gaitas, Anxo ó bombo, Luísa á pandeireta e Desi ó tamboril, empezando a percorrer as festas da comarca do Deza con boa música e ganas de festa. Nestes primeiros anos de Froitos realizouse todo o traballo de recollida de temas polas aldeas do Deza, e especialmente a recollida de toda a información oral sobre a figura dos gaiteiros Os Dezas de Moneixas con entrevistas as persoas que tiveran en algun momento relación con eles.
de esquerda a dereita: Manolo Docampo, Lúis, Anxo, Paco e Desi. Sentada Luisa

Esta estructura de grupo de gaiteiros, grupo de baile e grupo de pandeireteiras mantívose durante dous años, nos que nos abandonou Paco por problemas de incompatibilidade cos seus estudios e sobre todo pola súa asma (Paco, sempre serás un de Froitos) e incorporáronse os irmáns Xesús (Je) e Alberte (K.G.) ás gaitas e Xosé Breijo (Topo) á pandeireta e voces.

Jesus e K.G. "Os Carrasqueses" nas festas de Bermés. As ovellas do fondo miran embelesadas
O noso repertorio era a base de pezas tradicionais de grupos como “Os Campaneiros”, “Os Cruceiros” e, principalmente “Os Dezas”, coidando a afinación e o xeito de tocar tradicional, e interpretando unha ampla gama de ritmos, como polcas, mazurcas, muiñeiras, xotas, valses, marchas procesionais e danzas.Tíñamos un son moi potente e o grupo soaba compacto.
de esquerda a dereita:Anxo, Desi, Topo, Luísa, Docampo, Luís, K.G. e Xesús

Cumprido un dos obxectivos iniciais de crear unha escola de gaitas e baile tradicional en Lalín, suxeríusenos a separación do grupo de gaitas do de baile... os motivos foron moitos e variados decidíndose que as clases de instrumentos e de baile a quedarían a cargo do colectivo “Ailola”, e os integrantes de Froitos do Deza seguiriamos na recollida e interpretación do folclore tradicional, e como non.. ¡de festa..! ¡e sen bailaríns...!
Luisa, je e Luis na Algarabía

Empezou aquí un dos mellores momentos de Froitos... decidimos darlle un novo impulso ó grupo, decidimos facer un novo cartel, e para mais escollemos o cruceiro de Moneixas, na patria de "Os Dezas"..
de esquerda a dereita e de arriba abaixo: Topo, Luís Areán, Luísa Areán, Manolo Docampo, Anxo García, Desiderio Martinez, Xesús Granja (Je) e Alberto Granja (K.G.)

No musical empezamos a cantar as foliadas recollidas dos Dezas, e o noso repertorio variou bastante por mor de non ter que tocar para un grupo de baile.. incluímos rumbas, fox trots.. fixémonos mais festeiros..

Nesta fase de Froitos non paramos.. fixémonos fixos de festas e romarías do Deza, aparecimos (como non) en Luar, e tocamos dende Carnota á Veiga, fixemos procesións, sesións vermú, intermedio de orquestras, alboradas, ofrendas a santos varios e variopintos; pateamos camiños e congostras, leváronos en palco-tractor polos lugares, comemos nas casas dos ramistas, tocamos no alzar da misa, fomos xuíces en festas gastronómicas e en catas de augardente, emborracháron-nos nalgunha alborada (noutras xa o fixemos nos) coincidimos con Manolo Fraga en varias inaguracións, escapamos de varios cans, botáronsenos dúas vacas, abroncaron-nos por tocar porque na casa estaban un ano de loito, botamos as bombas porque o ramista non sabia, bailamos con vellos/as, coñecimos a moitos outros grupos de gaiteiros, un emigrante deunos un dólar a cada un por sacarse unha foto con nos, aguantamos innumerables veces ó "tonto do bombo" e algún colleunos a gaita dicindo "a ver si me la se".. nunha palabra: curtímonos..
KG e Desi a punto de empezar a curtirse na taberna de Catasós. (notese o aplomo e orgullo gaiteiro de Desi)

Nestes tres anos tivemos algúns cambios na formación dos Froitos: foisenos Manolo Docampo xa que casou e emigrou as afastadas terras de Trives por mor dunha praza de garda forestal (Docampo, sempre serás de Froitos), marchou Topo que se pasou a os de baile co cal perdemos sabiduria pero ganamos en tranquilidade, e empezou a tocar con nos Luísa Sarmiento, incrible gaiteira de Coruña, finalista en Lorient, e encantadora moza da cal todos os gaiteiros aprendemos.Os seguintes tres anos mantivemos unha formación estable e foron os mellores momentos de Froitos do Deza, tanto no musical, interpretando con rigor e calidade as pezas da tradición Galega, como no persoal. A nosa formación era: Luís a gaita e a requinta, Xesús a gaita e o violín, K.G. e Luísa Sarmiento as gaitas, Anxo cambiou do bombo ó acordeón, Desi seguía co seu tamboril e botando siestas baixo os carballos a mínima ocasión, e Luísa Arean cantaba, bailaba, tocaba pandeireta, bombo e o que fixera falta.... a barra do bar da comisión de festas convertéuse no habitat natural do grupo, e segundo as ocasións tiñamos reforzos doutros amigos como Manolo Santos e Jorge (Os "Cotarelos Wings") cos seus clarinetes... que tamén acababan na barra do bar; fixémos cousas preciosas como recuperar música de procesións que so os vellos recordaban, viaxamos a Portugal, Pais Vasco, tocamos en festivais, no San Froilán, convertémonos no referente da música tradicional na Comarca do Deza, e ¡pasábamolo ben tocando..!
No cruceiro de Bermés antes da procesión.
Anxo co seu acordeón novo. Luisa contemplao extasiada
Na festa do rio de Vilatuxe.. ¿non vos cheira a carne ó caldeiro?

Nestes últimos anos a incorporación de novos instrumentos á formación de Froitos, unido o feito de que xa levábamos moitos anos tocando, e que o mundo da música tradicional na Galiza estaba sufrindo unha eclosión de novos grupos, sons, e tendrencias, fixo que o noso repertorio sufrira un desdobramento converténdonos en dous grupos distintos segundo levaramos o traxe tradicional ou non. Se levabamos o traxe tocabamos pezas do repertorio tradicional galego sendo o mais coidadosos posibles co xeito de tocar, e seguiamos sendo fieis a Os Dezas, pero no momento que nos sacabamos o traxe cada vez mais nos achegabamos a festa de taberna.. sambas, rumbas, tangos, cancións pops dos 60 e 70, reinterpretacións do Himno de Riego e cancións da resistencia antifascista italiana, versións de Bonnie Tyler, ou de Mari Trini, pasodobres "toreros", la ovejita lucera, en la fiesta de blas, e todo o “hit-parade” galego.. facía que pasaramos de ser un grupo de musica tradicional e festeiro a un grupo de festeiros nunha taberna... Jesús, firme defensor da tradición xa non sabía onde meterse e roñaba e fumegaba..

imaxenes historicas: baile do pañuelo na taberna de Rio de Rodeiro... antropologos, cedemosvos os dereitos destas fotos...
os homes bailan en circulos agarrados pola man esquerda mentres ca dereita poñenlle un pano no cú

A finais do 97 tivemos novos cambios na formación: por un lado entrou a tocar con nos Antonio Taboada, un rapaz que prometía moito, alumno de gaita de Luís dende facía anos que co percorrer dos anos convertiriase no afamado Tony Diamond.

O Incrible Tony Diamond na festa do rio de Zobra

Incorporouse tamen a familia de Froitos do Deza o gran Pablo Doval, músico da Banda de Lalín que introduciu a tuba en Froitos dotando ó grupo dunha nova sonoridade que no seu momento foi pioneira na Galiza.

Pablo en Zobra
Tamén tivemos abandonos: Xesús entrou nunha crise gaiteiril por mor do repertorio que estábamos a tocar e decidiu abandonar a gaita por un tempo, adicandose ó violín e o bouzuki (Xesús, sempre seras un de Froitos), e Luísa Sarmiento que entre outras razóns decidiu que debía dedicarse con mais forza a carreira de enxeñería..

O anos 98 e 99 foron anos en Froitos marcados por moitos cambios, por unha banda o feito de que moitos de nos sufríramos un cambio profundo na nosa situación laboral e xa non tíñamos moito tempo libre, sumado a que xa levabamos moitos anos tocando polas festas fixo que deixaramos de aceptar moitos contratos e actuacións.. e o mais importante.. botaba a andar o Conservatorio de Musica Folque de Lalín, unha das aspiracións de Luís Areán en particular e do grupo en xeral estaba a nacer. Luís converteuse no profesor de Requinta do Conservatorio, Anxo mercou unha Zanfona e puxose a ela, Luisa e Desi apuntaronse as clases de percusión, Toñito as de gaita e K.G. a gaita, acordeón diatónico e requinta... Pablo miraba todo esto asustado..

Nesta efervescencia creativa e musical, Luís decidíu que era o momento de facer un novo proxecto: sobre a base dun novo repertorio e cun esquema de grupo distinto, pasar de ser un grupo de gaiteiros a “grupo folck” que pretendía unha mescolanza de tradición e experimento.
Sobre a base de acordeón, violín, requinta, traveseira, zanfona e gaitas, o carácter da tuba, unha percusión axeitada e tres voces, xogara coas armonias vocais inspirandonos nese sabor das festas nas "salas" de concertos das vilas nos anos 50... os dous argumentos que usaba Luís era que tiñamos o nivel necesario e que levabamos moitos anos facendo o mesmo, asi que o mellor era innovar... con algúns mais convencidos que outros, puxémonos a traballar e uníusenos Azucena Castro, alumna do Conservatorio de Música de Lalín, que xa colaborara con nós en algún traballo ó violín, quedando a nova formación de Froitos do Deza como sigue: Luis ás gaitas, requinta, traveseira e platillos, Antonio e K.G. as gaitas, Desi á percusión e voces, Azu ó violin e voces, Luisa a percusión e voces, Pablo á tuba, e Anxo ó acordeón, zanfona e voces.
Con esta formación fixemos dous concertos: o primeiro na "Noite Meiga de Fabero" no Bierzo, e o segundo e derradeiro en Millerada, nunha horrible actuación na que os problemas do equipo de són, acoples e pésimo material, converteron unha actuación preparada con moita ilusión en algo para esquencer e que xerou moitas tensións e discusións en Froitos do Deza sobre o camiño a seguir.


Así que despois desta curta e negativa experiencia como “grupo folck”, decidimos voltar as orixes, aparcando este proxecto polo momento e quedarnos coa dubida de si houbera saido adiante.. fixemos unha nova pegatina, rendendo un xusto homenaxe a cerveza Estrella de Galicia, compañeira dende os orixenes de todos nos e preparamosnos para un ano 2000 con ganas de festa. Tiñamos oficio, tocábamos ben, o grupo soaba compacto e potente, éramos amigos e pasábamolo ben xuntos...
Nesto que chegou a tristura: despois de pasar un dia de festa tocando na Festa da Carne ó Caldeiro da Gouxa en Dozón, Luís Areán, a alma do grupo e o amigo entre os amigos, morria nun accidente de trafico voltando a Lalín.

continúara proximamente..............